Eduardo Álvarez Blanco ca. 1974 |
1988, no catálogo da Expo "Esmaltes internacionales 3" no Kiosko Alfonso |
Corenta anos despois de incorporarse como mestre de Ourivería na Escola de Artes e Oficios de Vigo, o vindeiro 22 de marzo xubilarase Eduardo Álvarez Blanco.
Eduardo, nado en Vigo en 1950, comezou a exercer a docencia na Escola no ano 1974, substituíndo ao titular da praza daquela, Ángel Mareque, seguindo unha tradición xa impensable na actual administración pública: a da herdanza do mestre no aprendiz, pois fora como alumno de Artes e Oficios como Álvarez Blanco iniciou a súa prolongada relación coa nosa Escola.
Eduardo é xa o derradeiro representante en activo da Escola de Artes e Oficios anterior á xeira do que foi a Universidade Popular de Vigo; coa súa marcha váisenos así, tamén, unha parte da vella cultura docente que impregnou a histórica Escola durante décadas de case heróica profesionalidade.
Non é só, pois, un mestre máis que remata dignamente a súa etapa laboral, senon tamén un símbolo daquel xeito apaixonado de entender a formación e da concepción desta institución coma a convivencia nunha gran familia composta por mestres, alumnos, ex-alumnos e persoal non docente, unha sorte de gardáns do segredo que atesoura a entidade educativa máis antiga da cidade de Vigo, cunha historia ininterrumpida de case 130 anos.
Hoxe, grazas a mestres como el que souberon conservar o espírito do legado de compromiso coa sociedade que lle dá sentido e soporte, a EMAO é xa unha institución plenamente integrada no seu tempo, que é quen de xunguir o valor da súa historia coas esixencias da contemporaneidade, e que ofrece á cidade non só un lugar de formación especializada, senon tamén unha fonte de actividade e un recurso valiosísimo de coñecemento colectivo no ámbito artístico, artesanal e cultural.
O venres pasado, a xente de agora e de antes, mestres, persoal administración e non docente, en activo e xubilados, reunidos nunha cea de amizade, despedímolo co agarimo que merece, desenxándolle toda a felicidade na súa nova etapa vital e esperando que manteña unha viva e activa relación con esta institución, de xeito que poidamos seguir aproveitándonos do seu coñecemento, experiencia, compañía e, sobre todo, do seu amor pola transmisión do saber artístico e artesanal. Ao discurso de despedida aos asistentes esa noite pertencen as fotos que seguen.
Sorte e moita vida, Eduardo... e ata sempre!
Rafael Ojea Pérez, director en funcións da EMAO
Fotos: R. Ojea |
Ningún comentario:
Publicar un comentario