15 de xuño de 2015

De pasarela

A Sala de exposicións da nosa Escola, o Espazo EMAO, transformouse o pasado venres, por unha hora, nunha pasarela. Unha coidada disposición e deseño dos elementos, a iluminación directa, a selección da música e a rotulación das paredes, lograron crear una atmosfera moi apropiada para o evento.
Non fixeron falta nin modelos profesionais nin a presenza de grandes firmas para sentirnos nun auténtico pase de moda; o bo facer,  a ilusión das persoas participantes --alumnas, profesora e voluntarios-, encheron os vellos e aquelados muros da EMAO de maxia.
As creacións da Aula de Deseño e Encaixe de Palillos da EMAO, da que é mestra Marian Núñez, tiveron así unha escena idónea para amosarse; creadoras/modelos fundíronse para que nos sentíramos participar de algo especial.
Nada faltou á cita: dende o misterio e a ambigua seducción das máscaras de encaixe, ata a solpresa final (tan en boga nos pases profesionais) da participación dun precioso galgo, convenientemente toucado, e a irrupción en escena de tódolas participantes. Solpresa tamén, tratándose dun complemento tradicionalmente asociado á muller, como é o toucado, na participación de homes na pasarela que luciron as creacións das nosas artesanas.

Foi a nosa primeira pasarela... pero non será a última!

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario