La Ilustración Gallega y Asturiana, 30 de marzo de 1879 |
La Ilustración Gallega y Asturiana, 24 de abril de 1879 |
Hoxe traemos ao noso blog unhas ilustracións sobre Vigo aparecidas na revista "La Ilustración Gallega y Asturiana" no ano 1879. A segunda metade do século XIX foi un período de continuo crecemento da cidade, propiciado entre outras cousas polo incremento das relacións con América, favorecidas pola posición estratéxica de Vigo no Atlántico. Así, desde 1855 establécense servizos de comunicación marítimos xornais coa Habana, Buenos Aires e Porto Rico. Unha década despois empeza a construción do ferrocarril e as obras de recheo da ría co fin de ampliar as instalacións portuarias. A liña ferroviaria Vigo-Ourense sería inaugurada en 1881.
A nosa biblioteca conserva no seu fondo histórico esta publicación "La Ilustración Gallega y Asturiana" que se editou en Madrid, publicouse entre 1879 e 1882 e estivo dirixida por Manuel Murguía. Esta revista puxo o seu acento nos temas culturais, preferindo inicialmente a creación estética, a historia e a biografía, dando así mesmo cabida ás gacetillas con sínteses da vida local. Non tivo carácter exclusivamente artístico e literario tamén foi moi intensa a súa contribución aos temas sociais, financeiros, de «fomento», estatísticos, industriais, xeográficos... Os emigrantes e as súas comunidades foron obxecto de análise e de insistentes campañas. A achega ao cultivo do idioma galego foi selecta. No aspecto gráfico, os debuxos de monumentos, vistas de cidades e detalles pintorescos son moi valiosos para coñecer o estado dos edificios e paraxes de entón e para a reconstrución dos xa desaparecidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario