7 de feb. de 2020

Exposición na EMAO: "50 anos na arte de Diego de Giráldez"

EXPOSICIÓN

50 anos na arte de Diego de Giráldez
Lugar: Espazo EMAO-Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Avda. García Barbón, 5 -entradas por rúa Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: 28 de febreiro ao 14 de abril de 2020
Horario: laborables de 19:00 a 21:00 horas
Produción: Casa-Museo Diego de Giráldez e Concellería de Educación. Escola Municipal de Artes e Oficios. Concello de Vigo.
Inauguración: 28 de febreiro de 2020 ás 19:00 horas

 

Iniciábase o curso 1969-70, hai agora 50 anos, cando un adolescente Diego de Giráldez matriculábase na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo nas materias de Debuxo ornamental, Composición decorativa e Pintura, se ben xa dende o ano 67 entraba nas súas clases aínda sen estar dado de alta nin ter cumprida a idade regulamentaria para o ingreso. Nestas aulas estivo ata o remate do curso 1975-76, momento no que a súa obra adquiríu valor creativo abondo para que despertase o interese dos galeristas e críticos de Vigo e comezase unha moi temperán etapa profesional.
Aquel mozo desenvolveu así, ao abeiro das aulas da Escola de Artes e Oficios, as súas extraordinarias capacidades para o debuxo, a pintura e o volume e iniciou unha longa carreira artística que rapidamente se manifestou non só no ámbito privado, senon tamén no público coa exposición primeiro colectiva e deseguido individual da súa incipiente pero xa valorada obra: en 1975, aínda estudante na Escola, a galería viguesa Van Gogh comeza a expoñer a súas obras e comeza tamén a recibir a atención ao seu talento non só do profesorado da Escola, noemadamente de Camilo Nogueira, que o anima a comezar tamén a traballar o volume e modelado, senon tamén da crítica de arte da época.
Na Escola de Artes preparou o seu primeiro exame da Academia de Bellas Artes de San Fernando para, inmediatamente, desenvolver as súas inquedanzas en Catalunya, en Figueres e Girona onde, premonitoriamente para o que logo será o seu estilo e influenzas, coñecer e relacionarse persoalmente con Salvador Dalí e causar a admiración e acollemento dun pintor consagrado como Antoni Pixot. En Girona, onde instalou estudo, comezou unha intensa actividade expositiva promovida pola daquela Caixa d’Estalvis.
Xa a partir dos anos 80 a súa obra é amplamente recoñecida, producíndose numerosísimas exposicións en España e Europa e pasando a súa obra a formar parte de importantes Museos e coleccións privadas.
Dende aqueles comezos ata hoxe, a obra de Diego de Giráldez seguíu extendéndose para convertirse nunha singular e extraordinaria aportación á pintura realista española co carácter especial e único que el definiu como Realismo NAS (Naturalismo, Abstración e Surrealismo). A súa aportación cultural queda ademais reflexada na creación e mantemento da Casa-Museo Diego de Giráldez na súa localidade natal da Cañiza.

A exposición que inauguramos na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo o vindeiro 28 de febreiro, se ben exhibe unha importante cantidade de obras, non trata de ser en absoluto un imposible repaso exhaustivo e comprensivo da totalidade da súa produción artística en pintura e escultura, senon ofrecer ao público unha visión xeral do artista, da súa principal produción creativa pero, pensamos que por primeira vez na longa historia expositiva que el atesoura, sen pretensións cronolóxicas tamén amosar os seus inicios como aprendiz na nosa Escola.

Con esta exposición queremos homenaxear e exemplificar sobranceiramente en Diego de Giráldez -aquel neno con fortes inquedanzas artísticas que hai 50 anos habitou as aulas da nosa institución educativa- o labor formativo da máis que centenaria Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Gústanos pensar que aquela primeira experiencia de Diego nos nobles edificios doados por José García Barbón -que materializaba os anceios renovadores da cultura e da arte que impulsou a Institución Libre de Ensinanza e fixo posible a sabidoría e entrega da Eduardo Chao nos albores do século XX- estivo e está presente na extraordinaria obra pictórica e escultórica do noso artista.

[Non é obxecto destas notas de presentación da exposición “50 anos na arte de Diego de Giráldez” facer unha biografía artística do artista. Esta pode consultarse exhaustivamente en:
http://artistasvigueses.blogspot.com/2017/09/diego-de-giraldez.html
http://artistasgalegos.blogspot.com/2017/10/diego-de-giraldez.html
http://diegodegiraldeznas.blogspot.com/]

Ningún comentario:

Publicar un comentario