Os tripulantes do Halcón Milenario. Foto de Disquecool |
Canles Alternativas de creación é o título do encontro co que grupo de investigación Arte e Estética Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela e mais o Centro Galego de Arte Contemporánea analizarán as iniciativas artísticas independentes que se deron no noso contorno ao longo das últimas décadas. O encontro celebrarase na sede do CGAC entre o 23 e o 25 de maio. O seu obxectivo é indagar nas propostas alternativas que se desenvolveron en Galicia e no norte de Portugal entre os anos setenta e a actualidade. No seminario participaran membros de colectivos e especialistas deste e doutros contextos peninsulares. Analizaranse casos concretos —proxectos e espazos— e estableceranse relacións cos seus ámbitos e realidades históricas, dando así continuidade ao primeiro seminario, de carácter teórico, que tivo lugar na primavera do ano 2011.
Queremos destacar a participación neste seminario de Marian Núñez, mestra de encaixe de palillos da nosa Escola, que dará testemuño da súa experiencia no Halcón Milenario, un espazo expositivo e taller de traballo onde os seus tripulantes dan renda solta aos seus proxectos artísticos, tanto expositivos como creativos. Será o Venres 25 de maio, ás 18:30 h, debate moderado por Daniel L. Abel coa participación de representantes dos seguintes espazos/proxectos: alg-a lab, FAC Peregrina, Summer of Labs, El Halcón Milenario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario