26 de set. de 2013

Hoxe Estamos de Aniversario

A Escola estaba fronte do Teatro Tamberlick
Tal día como hoxe hai 127 anos abría as súas portas a Escola de Artes e Oficios de Vigo, o acto inaugural tivo lugar un domingo 26 de setembro de 1886 na rúa do Circo número 3, o orador Eduardo Chao, que fora Ministro de Fomento no terceiro Goberno de I República con Salmerón en 1873, resume a concreta finalidade da nova escola con estas palabras:
 "Será esta Escola o complemento da instrución primaria, complemento que..., fará máis perfecto e fácil, fecundo e produtivo o seu traballo; que excitará e levará o espírito de empresa cara a elementos naturais da nosa atrasada Galicia contribuíndo a emancipala do estranxeiro"
No momento da súa creación veu encher o baleiro na formación da clase obreira que existía no sistema educativo, os seus obxectivos foron a formación técnica dos obreiros, o perfeccionamento dos seus oficios e a compensación das carencias educativas de moitos dos seus alumnos, pero o feito indiscutible é que contribuíu de xeito decisivo ao desenvolvemento ecónomico e cultural da nosa cidade.
Na actualidade, a nosa centenaria escola continua o seu labor educativo, hoxe máis inclinada ao ensino da arte e dos oficios artísticos, disposta como sempre a prestar a nosa cidade un servizo no ámbito formativo das persoas ao longo da súa vida.

Recordarvos que ata o día 3 de outubro pódese visitar na nosa sala de exposicións "Espazo Emao" a exposición Branco e Negro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario