EXPOSICIÓN
ESPAZO EMAO
ESPAZO EMAO
Sala de exposicións da Escola
Municipal de Artes e Oficios de Vigo
"Da mimese á creación"
O Obradoiro de Pintura na Escola de
Artes e Oficios
Do 24 de xaneiro ao 14 de marzo de 2014
A exposición amosa o traballo do
Obradoiro de Pintura da Escola Municipal de Artes e Oficios cunha
fonda reflexión sobre o traballo de investigación que sobre a forma
e a cor realiza desde o primeiro curso o alumnado da especialidade de
Pintura.
O título, DA MIMESE Á CREACIÓN,
tenta reflectir o proceso que segue o alumnado na aprendizaxe da
materia, pois exhíbense desde os seus primeiros traballos de copia
do natural --coa técnica do pastel e a acuarela--, ata os traballos
en técnicas mixtas e óleo, nos que a expresividade está moi
presente e a creación, a partir do estudo e a investigación, é
moi importante.
A exposición mostra as distintas liñas
de investigación, a partir, non só das obras, senón tamén de
vídeos e fotografías que explican o proceso (exhíbense tamén
libros de artista e cadernos de esbozos en caixas e peañas) de
evolución estilística de cada alumno e alumna, no que cada un fai
unha obra persoal, sobre todo a partir do segundo curso. É
importante a presenza na exposición do PROCESO a partir da mimese no
primeiro ano, coa copia do natural, ata a creación individual a
través da experimentación.
Este PROCESO, como parte dun traballo
tanto manual como intelectual, incide na importancia da aprendizaxe a
partir dun método participativo, no que o alumnado vai xerando o seu
propio espazo de traballo, e no que estarían implicados tanto o
profesorado como os medios que ofrece a escola: biblioteca, blog, e
todo tipo de actividades levadas a cabo tanto dentro do espazo da
EMAO como fóra, coa participación do alumnado en concursos ou as
visitas guiadas realizadas a distintos espazos expositivos (museos,
salas e obradoiros de artistas).
A idea de propoñer un tema tan amplo
para a mostra vén dada pola necesidade de empregar distintas
técnicas pictóricas, así como outras expresións artísticas como
as instalacións ou a fotográfía, polo que na mostra aparecen:
-Pastel, acuarela, óleo e acrílico
-Técnicas mixtas, collages
fotográficos
-Distintos soportes, como metacrilato,
cristais ou soportes dixitais.
Quérese exemplificar así o
desenvolvemento do traballo na aula tanto neste curso como no
precedente; cada un deles aparece na exposición en relación co que
se fai en cada aula en cada curso. Nesa intención de comprensión
expóñense tamén fotos do proceso e esbozos preparatorios.
A mostra, pois, reflicte o traballo
realizado polo alumnado de pintura durante todo o curso e, con ela,
quérese salientar a importancia da Escola de Artes e Oficios
viguesa, como referente en relación ao traballo pictórico e o
ensino desde unha perspectiva contemporánea.
Salientar, finalmente, a exhibición
dun vídeo, realizado polo propio Obradoiro, no que o alumnado fala
tanto das obras que están a facer, como da súa implicación coa
Escola, mentres na pantalla preséntanse obras realizadas durante os
tres cursos.
Exposición
Título: “Da mimese á creación. O
Obradoiro de Pintura na Escola de Artes e Oficios”
Lugar: Espazo EMAO (Sala de Exposicións
da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo) (entrada polas rúas
Pontevedra e Rosalía de Castro)
Datas: do 24 de xaneiro ao 14 de marzo
de 2014
Horario: Laborais, de luns a venres de
19:00 a 21:00 hora
Inauguración: 24 de xaneiro ás 19:00 horas
Inauguración: 24 de xaneiro ás 19:00 horas
Produción e montaxe: Escola Municipal
de Artes e Oficios de Vigo
Coordinación: Paula Mariño Pazó,
mestra de Pintura da EMAO
Ningún comentario:
Publicar un comentario