23 de xuño de 2015

Exposición na EMAO. Proxecto 2015: O feo


Inauguración: 26 de xuño ás 19:00 horas
Datas: 26 de xuño a 26 de setembro de 2015 (agosto pechada)
Horario: laborables de 19:00 a 21:00 horas
Lugar: Espazo EMAO (entradas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro)
Idea, produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

[Texto de presentación da Exposición]
Dentro da programación anual da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, inclúese, ao remate de cada curso académico, a producción dunha exposición dos resultados materiais e simbólicos dun proxecto --proposto no claustro do profesorado- que, partindo dunha idea xeradora única, interpretada libremente, dea lugar ao despregue do traballo, imaxinación e saber facer dos distintos talleres.
Con esta idea son tres as edicións desta singular exposición de fin de curso dende que no ano 2011 se inaugurase o Espazo EMAO; primeiro foi Branco e negro, o pasado ano Novos produtos e O feo, neste.

Sobre a idea xeradora de “O Feo” agromaron os proxectos creativos, retos técnicos e obras concretas que agora amosamos. Trátase, novamente, da coidada exposición de creacións desenvolvidas coa participación do alumnado dos talleres a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, sempre asumida por toda a clase.

O FEO
Son feo… pero podo comprar a muller máis bela. Polo tanto, non son feo, porque o efecto da fealdade, a súa forza afuxentadora, queda anulado polo diñeiro. Segundo a miña individualidade son tolleito, pero o diñeiro procúrame 24 pernas: logo, non son tolleito... Acaso non transforma o meu diñeiro todas as carencias no seu contrario?. Umberto Eco. Historia de la fealdad
 
A estética é a parte do pensamento filosófico que ten por estudo a esencia e a percepción da beleza, entendendo como beleza, a armonía, a proporción, o agradable de ser visto, o que alimenta o espírito, en definitiva o que segue as normas establecidas. Todo isto non son máis que percepcións subxectivas e morais do belo, que veñen determinadas polo contexto en que se mostran. Polo tanto, podemos definir o feo como o antagónico do belo, pero se imos máis alá ás veces "o feo" agrádanos e  comprácenos; é entón cando se xera o conflito e descubrimos unha nova estética, a estética do feo.

Nietzsche, en "O crepúsculo dos ídolos" fálanos da diferenza entre o belo e o feo:
No belo o  home oponse a si mesmo como medida da perfección... O feo enténdese como sinal e síntoma de dexeneración.... A quen odia aquí o home? Non hai dúbida: odia a decadencia do seu tipo.

O amoral, o grotesco, o sinistro, o banal son conceptos traballados pola Arte ao longo da Historia, representando así todo aquilo contrario á mensaxe do cristianismo; así, demos, monstros, e demais personaxes do submundo nutriron a imaxinación de artistas como El Bosco. Saturno devorando os seus fillos ou as pinturas negras de Goya abren paso ás vangardas artísticas, desde o expresionismo ao cubismo; o kitsch como enxalzamento do pobre, o masivo, é un expoñente da posmodernidade.
Nesta exposición propoñemos un percorrido pola fealdade, desde o kitsch ata o feísmo galego, pasando polo grotesco e o obsceno; polo tanto, Pasen, vexan e xulguen que é o Bello e o Feo.

Idea, producción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios. Profesorado e alumnado das especialidades de Pintura, Debuxo, Talla e escultura en madeira, Serigrafía, Cerámica, Moda e confección, Luthería antiga, Deseño e encaixe de palillos, Artesanía do Coiro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario