19 de xul. de 2019

Prorrógase ata o 4 de outubro a Exposición sobre a Historia da EMAO

O Concello de Vigo, vista a demanda e interese suscitado pola exposición A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo. Parte I 1886-1976 acordou prorrogala ata o 4 de outubro de 2019 (agosto pechado) e así posibilitar que novos visitantes se unan aos case dous mil que o fixeron durante o período inicialemente programado.

Lugar:Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro 
Datas: do 7 de xuño ao 4 de outubro de 2019 (agosto pechado)
Horario de apertura: laborables de luns a venres de 19:00 a 21:00 h 

A EXPOSICIÓN 
130 anos 
No ano 2016 a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) cumpríu 130 anos. Ininterrompidamente dende a súa creación en 1886 vén desenvolvendo un importante servizo de carácter educativo e sociocultural á poboación da nosa cidade. A exposición que agora presentamos percorre a historia desta institución dende o seu nacemento ata os os fins da Dictadura. 
A historia 
No ano 1886 un fato de ilustres cidadáns, nomeadamente Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena, Manuel Diego Santos, imbuídos do espírito ilustrado da Institución Libre de Ensinanza (ILE) e convencidos de que o grande pulo social e industrial que Vigo encetaba nos finais do século XIX sería imposible sen unha acción sistemática e organizada de formación cultural e profesional das súas clases traballadoras, deciden impulsar e crear en Vigo a Escola de Artes e Oficios (EAO). Comeza así a desenvolverse un ambicioso programa de estudos dirixido á capacitación básica dos e das traballadoras.
Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias). Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO. Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE.

A Escola de Artes e Oficios acompañou e garantíu o desenvolvemento da cidade, tanto no que se refire ao industrial como ao arquitectónico, social e artístico, especialmente dende o inicio ata o derradeiro terzo do século XX, momento no que a aparición e implantación progresiva dun ensino profesional e técnico oficial nos anos 70 significou, primeiro, a decadencia e, logo, xa coa Democracia, a recuperación da institución sen que perderan, renovándoos, os principios de educación popular e permanente, compromiso social, excelencia técnica, interdisciplinariedade e creatividade que alumaron as súas orixes.
Obxecto 
Amosar e analisar o desenvolvemento histórico da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo dende a súa creación en 1886 ata o ano 1976. Con isto quérese demostrar a estreita relación e o papel esencial da EMAO no desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.
Así, a ideación e construción do maxestoso caserío do Ensanche vigués tivo unha relación directa ou indirecta, coas aulas, a biblioteca, talleres da EAO, profesorado e alumnado da Escola. Boa parte das persoas que hoxe recoñecemos como figuras relevantes do acontecer histórico e económico do Vigo moderno e contemporáneo, pasaron, sexa como alumnos, sexa como profesores ou como benefactores, por este edificio emblemático de Vigo. En primeiro lugar, os miles de traballadores e traballadoras que ergueron co seu esforzo a cidade que coñecemos tiveron unha experiencia formativa aquí; moitos deles foron tamén, tralo seu paso pola EAO, os emprendedores que crearon empresas nos máis variados ámbitos da economía: construción naval, artes gráficas, industria do vidro e da electricidade, calderería… Aquí se formaron tamén artistas plásticos e artesáns consagrados xa de todos recoñecidos; tamén as primeiras mulleres que se incorporaron á unha formación sistemática e a un posto de traballo (coas limitacións propias da mentalidade da época) fixérono primeiro nas aulas. O profesorado foi tamén un activo fundamental nesta empresa: formárono o máis preparado da sociedade viguesa xogando moitos deles, ao tempo da súa docencia ou posteriormente, importantes papeis con relevantes funcións tanto no Concello de Vigo como na sociedade viguesa. Varios foron primeiro alumnos destacados para logo contribuíren como mestres das novas xeracións de traballadores e estudantes que se matriculaban na Escola individualmente ou enviados polas súas empresas a perfeccionar a súa capacitación básica ou de especialistas. 
Contido 
Textos, esquemas, documentos escritos, cartográficos e fotográficos moitos deles inéditos, produto da revisión dos infelizmente escasos estudos académicos sobre a Escola e da profusa investigación operativa do comisariado nas fontes primarias e secundarias (arquivo municipal, arquivo e biblioteca da Escola, arquivos e coleccionistas privados, testemuñas orais…).
Exhíbense por primeira vez documentos e obras orixinais, tanto procedentes de arquivos particulares como do rescate e restauración dos existentes no arquivo da Biblioteca.
Rescátanse e amósanse os expedientes académicos, títulos, fotografías do seu paso pola Escola como alumnado, profesorado ou benefactores e protectores, de persoeiros de recoñecido prestixio nos ámbitos artístico, arquitectónico, cultural e industrial e, tamén, de moitos outros, que sen contar infelizmente con ese recoñecemento explícito, foron fundamentais para o desenvolvemento da cidade e que, desta maneira sacamos á luz e así homenaxeamos. 
Obra artística 
Obra gráfica orixinal, traballos escolares de enorme calidade elaborados dende finais do XIX, poderán ser contemplados ilustrando distintos aspectos e etapas da Escola.
Obras pictóricas, escultóricas e artesanais de artistas que pertencen ao acervo cultural de Vigo e Galicia e que iniciaron a súa andaina creativa nas nosas aulas cando eran aínda moi novos.
Obra artística de calidade de alumnado que non seguíu o camiño artístico pero que deixou mostra material do bo facer da súa aprendizaxe nas aulas. 
Obxectos, maquinaria, maquetas, instrumental 
A relación da Escola coa vida social, cultural, industrial e urbanística da cidade, amósase cunha coidada selección de pezas de valor histórico: obxectos persoais dos fundadores, maquinaria, maquetas, pezas da industria, instrumentos musicais… Unha selección que ilustra os plans de estudos e as relacións das ensinanzas e vida da Escola coa vida da cidade e da súa época. 

SECCIÓNS DA EXPOSICIÓN

Presentación e orixes 
A EAO no tempo 
Constrúese unha prolixa liña do tempo que abrangue o período da exposición entre 1886 e 1976, ben ilustrada como fotos inéditas de cada período, plan de estudos e acontecementos. 
Fundadores 
Saliéntanse aquí as biografías e imaxes de Eduardo Chao, José García Barbón e Fernando García Arenal. Exhíbense documentos e obxectos persoais e títulos públicos do mecenas doador dos edificios. 
O edificio 
Planos e fotos orixinais da obra de Pacewicz. Vitrinas con instrumentos históricos do Laboratorio Municipal que referencian os distintos usos (á parte do de Escola) que compartíu o edificio ao longo da súa historia. 
A Cidade construída 
Aquí impartiron ou recibiron clases arquitectos que construiron os edificios máis recoñecidos da nosa cidade e aprenderon o seu oficio os máis relevantes canteiros e mestres de obra e boa parte dos carpinteiros e ebanistas que logo reproducirían as magníficas formas das edificacións e escultura pública viguesas de finais do século XIX e primeira metade do XX. 
A formación da Muller 
Dende o primeiro momento a intención de formar á muller e incorporala ao mundo do traballo estivo presente nos fundadores da institución. Unha formación transcendental para a integración, aínda que moi marcada polos roles de xénero preestablecidos nas distintas épocas. 
A cidade creativa 
A fasquía artística da Escola tamén estivo sempre presente,conscientes da delgada liña de división entre o saber artesán e o artístico e da importancia que a formación cultural ten no desenvolvemento dos pobos:
-Música e artesanía
-Galería de artistas plásticos consagrados
-Galería con outras obras de alumnado e profesorado
A cidade industrial 
Na fin do século XIX e primeira metade do XX prodúcese o gran pulo urbano e industrial de Vigo. A EAO xogou un papel transcendental para a implantación da modernidade urbana e industrial da nosa cidade. 
A Biblioteca 
A García Barbón/EAO foi a primeira Biblioteca pública da cidade e continúa aberta para a consulta de investigadores na súa sección histórica e como biblioteca especializada no seu fondo moderno para estudantes e persoas interesadas na teoría e técnica das artes aplicadas e oficios artísticos. 
Alumnado e profesorado 
Sección adicada a presentar ao profesorado histórico, a obra artística dalgúns destes, de artistas consagrados con obra da súa época de estudantes na EAO e de alumnos destacados que non se adicaron expresamente ao campo das artes plásticas. 

CRÉDITOS 
Título: A Escola Municipal de Artes e Oficios, 130 anos na historia de Vigo. Parte I: 1886-1976 
Produción: Equipo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, Área de Educación, Concello de Vigo 
Lugar: Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da  EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro. 
Comisarios: José Luis Mateo Álvarez, historiador e membro do Instituto de Estudos Vigueses e Rafael Ojea Pérez, técnico de cultura e educación do Concello de Vigo
Comisariado adxunto: M.ª Jesús Cuesta de Pedro, técnica da Biblioteca pública García Barbón/Escola Municipal de Artes e Oficios e
Revisión lingüística: Xosé Feixó Cid
Textos: José Luis Mateo Álvarez (agás nos que se indica outra persoa)
Deseño gráfico expositivo (paredes): Eduardo Berea Cruz
Restauración láminas históricas: Carmen Poyán Rasilla 

Amosamos o noso especial agradecemento a aquelas persoas, empresas e entidades que fixeron préstamo desinteresado de documentación, obra artística e pezas da súa propiedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario