26 de out. de 2012

Ciclo de conferencias: Laxeiro e Os Renovadores

Laxeiro e Os Renovadores da vangarda histórica galega 
Facultade de Xeografía e Historia. Santiago 
Datas: 6, 13, 20, 27 de novembro de 18.00h a 21.00h Validable por 1 crédito da USC e da Universidade de Vigo 
 
O grupo coñecido como Os Renovadores da nosa vangarda histórica irrompe no primeiro terzo do século XX convulsionando a nosa arte e a nosa cultura, cun proxecto de construción dunha estética propia que, por unha banda, conectase Galicia coa realidade internacional e, por outra, rexeitase unha mirada folclorista da nosa cultura.
A coincidencia no tempo dunha xeración extraordinaria de creadores e intelectuais galegos, como Carlos Maside, Rafael Dieste, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane, Manuel Colmeiro e outros, propiciou unha revolución estética e intelectual moi acorde coas actitudes aperturistas e cosmopolitas da II República española, nun contexto que derivou cara a unha uniformización cultural, como consecuencia das circunstancias políticas posteriores á Guerra Civil.

O proxecto de conferencias pretende un achegamento á obra dos Renovadores desde a contextualización histórica e desde unha análise transversal, para comprender o legado dos que protagonizaron os inicios da cultura galega do século XX.
Desenvolverase cunha serie de relatorios impartidos por diversos expertos en cuestións concretas da historia e da arte que amplíen a análise deste movemento a elementos que quizais nunca se trataron no seu conxunto en relación coa obra dos Renovadores, como son o contexto internacional das vangardas históricas, as influencias da arte medieval que Os Renovadores asumiron como propias ou a faceta antropolóxica do nacemento desta arte anovadora.
Este proxecto vén completar unha análise dos Renovadores que, sen dúbida, axudará a comprender o seu legado e, tamén, a realidade actual das nosas artes.

Máis información e inscrición: Fundación Laxeiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario